28/11/09

a WEB da EF LALÍN

Este blog xa non dará máis información.
Consulta todo en

WWW.EFLALIN.COM

bicos.

26/11/09

Na despedida, WEB MUNDIAL

Chega o triste intre de dicir adeus a este blog (que sempre poderá consultarse, pois xa forma parte da historia da EFL),
chega o feliz momento de dar a benvida á nova páxina web (moito mellor e máis completa, xa veredes, pois ten historia, fotos a encher, documentos, etc.).
E cal é o seu enderezo?
Ímolo poñer moi doadopero ata o venres 27 ás 21.30,
na Asemblea, non se dará a coñecer,
pois é unha auténtica primicia mundial.
Empeza así (por iso das adiviñas):

E que dicir na despedida do blog?
Simplemente
MOITAS GRAZAS por todo, amigos!!!!!!
Nestes 16 meses de vida o blog da EFL tivo máis de 70.000 visitas, cifra que non precisa de máis comentarios.
E que fotos podiamos poñer?
Desde logo as que falan de deporte e amizade (por riba de rivalidades, de frío, de tamaños de roupa, de palabras feridoras...). Esta, por exemplo:
Só nos queda proclamar que, coa axuda de todos,

Seguiremos EDUCANDO
a PERSOAS e DEPORTISTAS

FIN DE SEMANA

Sábado 28 e domingo 29 de Novembro
fútbol 11
LIGA GALEGA INFANTIL:
BERGANTIÑOS CF-EF Lalín A: (domingo, 12,00)
2ªAUTONÓMICA INFANTIL, grupo 6º:
EF Lalín B-TORDOIA CF: (sábado, 10.30)
LIGA GALEGA CADETE:
RACING FERROL-EF Lalín:(sábado,16, 15,Gándara 2)
1ª AUTONÓMICA XUVENIL, grupo 7º:
EF Lalín-SR CALO"B": (sábado, 18.00)
fútbol 7
ALEVÍNS:
Sp Estrada A -EF Lalín A: (Domingo, 11.30 en Figueroa)
EF Lalín C - EF Lalín B:
(Domingo 12.15 no M. Anxo Cortizo)
BENXAMÍNS:
EF Lalín A - SILLEDA A: (sábado, 12:15)
EF Lalín B: (descansa)
TOURO - EF Lalín C: (sábado 17:30, Loxo)
PreBenxamíns:
Partido adestramento (Domingo 10:30)

25/11/09

o venres: ASEMBLEA de SOCIOS/AS

Este venres, 27 de Novembro, está convocada a
ASEMBLEA XERAL de SOCIOS/AS, é dicir, de pais, nais ou titores dos xogadores da EF Lalín.
Será, coma sempre, no Salón de Actos do IES Laxeiro da vila
ás 21.00 horas.
A orde do día é a seguinte:
1.-Lectura e aprobación, se procede, da acta anterior.
2.-Presentación da Páxina Web da EFL.
3.-Información Deportiva: xogadores, adestradores, equipos...
4.-Información Económica (Orzamento Tempada 2009-2010)
5.-Preguntas e suxestións.
Agárdase que esteades todos e todas para dar opinións e mellorar a Escola.

15/11/09

O inferno nas gradas do campo

Despois de 6 tempadas son continuas as queixas dos pais/nais da EFL (e dos afeccionados en xeral) cando se achegan ao Manuel Anxo Cortizo para ver un partido de fútbol no campo de herba artificial. Resulta un castigo querer presenciar un encontro cando chove (e mira ti que hai unha media de 7 entre o sábado e o domingo). Porque cando chove esa piscina é molladura segura. E non digamos se á choiva se lle engade o vento. Iso xa é un auténtico suplicio. Todos nos preguntamos se aos enxeñeiros que deseñaron os gradaríos non lles quedaría descansada a cabeza de tanto pensar como retirar á xente dos partidos ou se, pola contra, non cobraron o estipulado polo seu traballo. Porque mira ti que nin adrede se logra protexer menos gastando tanto en cemento. E o de que serven para os dous campos é outra coña, pois para ver ao CD Lalín hai gradas vellas que, polo menos, resgardan.En fin, que os seareiros de todos os clubs que utilizan o campo de herba artificial do estadio Manuel Anxo Cortizo, especialmente os da Escola de Fútbol Lalín, maioritarios, están verdadeiramente fartos de mollarse e sufrir ese inferno de auga e vento para poder gozar do seu deporte favorito e dos seus fillos, tanto en partidos como en adestramentos.
Por iso, e porque non se poden calar as constantes queixas, hai que preguntar: Para que se fan as instalacións deportivas? Non será para fardar no canto de fomentar o deporte? Quen pode aguantar un partido nesas condicións?
Na EFL cremos que, desde o Concello, xa é hora de buscar unha solución a este grave problema (xa sexa un pequeno gradarío cuberto do outro lado ou unha critaleira protectora no existente). Cando chove e fai vento, a grada non pode converterse nesa infernal piscina de cada fin de semana. Os que van ao campo (que son moitos e teñen voz) sábeno ben. As fotos son para os que nunca aparecen por alí.

10/11/09

BRAVOS ALEVÍNS

Non hai outro calificativo para os nosos alevíns nesta dura fin de semana. Eramos poucos pois a gripe causaba estragos, pero as gañas de algúns e a axuda duns grandes benxamíns fixo posible que puideramos competir o pasado domingo. Despois de que os Cadetes tiveran que suspender o seu partido o xoves, estivemos temerosos de ter que sufrir a mesma sorte. Finalmente o equipo A viaxou a Melide con tódolos seus efectivos, incluído Santi Garrido, para derrotar ao equipo local (ata o momento invicto) cun contundente 3 a 7. O equipo B xogou na casa contra o Sp. Estrada B, ao que lle gañou con facilidade (8-1) no debú de Brais Vázquez na portería alevín e só 6 alevíns na convocatoria (eran baixa Antonio, Santi, Antonio Barros, Marcos e Xacobo). Gracias a Dani Gavieiro e a Santi Rojas puideron disputar o seu partido. E o equipo C viaxaba a xogar contra un bo Sp. Estrada C con 7 xogadores xustos (5 alevíns, Franchi e o debutante Benito do benxamín A). Perdían 4-2 despois de ir gañando 0-1 ao descanso e aguantar co empate a 2 ata os 10 últimos minutos; pero o cansancio apareceu e finalmente caeron con este dignísimo resultado. Causaron baixa neste partido Rubi, Lorenzo, Anxo Mouriño, Edgar e Anxo Reboredo. Ademáis Álex viaxaba cun talón lesionado que o obrigou a perderse o partidiño do venres.
Por todo esto, felicitar aos nosos alevíns que ademáis da calidade que teñen, demostran cada día o bravos que son. Agora somentes esperar a recuperación da plantilla e seguir facéndonos fortes.
Ánimo e a seguir esforzándose cada día!!!

4/11/09

7 convocados para a sub-15 de Santiago

Despois da visita que o pasado domingo realizou o seleccionador da zona de Santiago ao Manuel Anxo Cortizo, no que observou as evolucións do equipo cadete de Liga Galega, saíu a convocatoria de xogadores para o primeiro adestramento. Sete son os sub-15 (é dicir, poden ser cadetes de 1º ano e infantís de 2º) que aporta a Escola de Fútbol Lalín a esa selección, todos eles seguidos desde hai varias tempadas polos técnicos federativos.
Os escollidos son os cadetes de 1º ano César, Marco, Brais, Juanillo, Dani e Edu, e o infantil de 2º Adrián (aparecen na foto acompañados de Cheroki, o porteiro cadete).
Os 7 deben estar vestidos o próximo luns, día 9 de Novembro, ás 19.30 no campo das Cancelas, en Compostela.
NORABOA a todos, e non afrouxar!!!!

28/10/09

Xa somos máis de 200!!!!

Por se aínda quedaban algúns incrédulos que dubidaban da consolidación da Escola de Fútbol Lalín, as cifras son elocuentes: acabamos de superar os 200 anotados. Concretamente a día de hoxe están adestrando nada menos que 204 xogadores, un auténtico record.
Pero ao tempo que celebramos e agradecemos esta confianza que a sociedade lalinense e dezá deposita en nós, o que supón aínda máis traballo e dedicación, non podemos deixar de ollar o futuro e facernos preguntas que calquera que mire con seriedade para este tipo de entidades debe facerse.

Por exemplo:
-É lóxico ter a 200 rapaces e rapazas adestrando pola semana nun único campo?
-É lóxico que cada fin de semana se teñan que facer malabares e amontoar os partidos no campo de herba artificial?
-É lóxico que non se poidan incrementar os equipos da EFL (polo tanto que queden moitos rapaces sen xogar) debido á falta de instalacións?
-Pode sobrevivir economicamente a EFL coas escasas axudas que se lle concede desde os organismos oficiais?
Finalmente, mentres desde "as altas instancias" se mima a outras entidades
-Por que non se mira doutro xeito para a Escola de Fútbol Lalín?

17/10/09

infantil B: o debut na casa

Bo partido o que ofreceu o equipo Infantil B que dirixe César Reboredo, fillo, na mañá do sábado ante os seus seareiros. Era o debut na casa e os xogadores saíron dispostos a resolver canto antes o partido contra o San Mamede. E así, nun espectacular primeiro tempo no que meteron tres goles, pero mereceron moitos máis, deixaron todo sentenciado. Na segunda, entre cambios e certo cansazo, non houbo goles, pero si gañas de agradar polas dúas partes. En pé: César (adestrador), Gonzalo, Alex, Edu, Leo, Caxide, Xabi, Alberto, Martín e Ionatan. Anicados: Iago, Juanjo, Rubén, Marcos, Brais, Serxio e Marco.
Noraboa e a seguir así.
Segundo gol: duro disparo de Leo e Alberto atento ao rexeite.
Saudando desde o círculo central.
Ninguén se encolle no xogo aéreo. Os seareiros, atentos a todo.
Rubén, cun magnífico partido, desbordando pola súa banda.

14/10/09

Edu e Adrián convocados coa Sub-16 galega

Estaba cantado porque o seleccionador xa nolo adiantara na pretempada, pero agora ven de confirmalo telefonicamente: o cadete Edu e o infantil Adrián van ser convocados a un adestramento coa selección galega sub-16 que terá lugar o mércores 21 na Coruña.
O magnífico final da tempada pasada do de Piñor, coroado co ascenso a Liga Galega Infantil, e máis a titularidade no equipo Cadete nesta, fixeron que Eduardo Fernández Díaz, EDU, fose seguido polo corpo técnico da Federación. A enorme competencia que vai ter, pois non olvidemos que a lista recolle o mellor dos equipos de Liga Galega e División de Honra, é un aliciente máis para valorar esta merecida convocatoria.
Pola súa banda, a chamada do infantil Adrián Iglesias Moure, o "Matador" da EFL, prexudicado pola desaparición da sub-14 galega, onde tería posto seguro, non deixa de ser sorprendente e indicativa do potencial do noso dianteiro, pois vai competir cos mellores xogadores cadetes de 2º ano. Lembremos que se trata doutros dos artífices do ascenso a Liga Galega infantil, categoría na que xa leva 15 goles en só cinco partidos e que, como é sabido, está no punto de mira de olladores de grandes equipos.
Parabéns, pois, para Edu e Adrián, e ledicia na EFL por esta noticia que refrenda o traballo da entidade dezá.

2/10/09

NON TODO VAI SER FÚTBOL

Pois así o vemos desde a EF Lalín e por eso o pasado fin de semana animamos aos nosos deportistas (gracias especialmente ó labor feita por Sueiro) a participar na IX de Carreira Virxe das Dores - Memorial Vicente Agulló. Aquí vos deixamos un link para ver as fotos nas que salen moitos dos nosos xogadores de fútbol -7. Noraboa a tódolos participantes.
http://picasaweb.google.com/fernando.quian

20/9/09

Chapeau para Alberto "CURRÁS"

Esta entrada vai dedicada, en exclusiva, a Alberto González, alias CURRÁS, ou "CURRI" para os da Escola de Fútbol Lalín. Porque a merece.

Se hai un bo compañeiro, un personaxe que se leva ben con todos, que a pesar de non xogar tanto como el desexaría nunca pon mala cara, ao que todos queremos e respetamos, ese é Currás. Porque é deses rapaces que, ademais, fai equipo. Está cando se precisa, cando as pintan máis negras, cando todo parece torto.
Pasou este domingo. Non había porteiro na Liga Galega Cadete, nada menos!!! Tranquilos, que está Currás. E todo o equipo e o público estivo con el, para apoialo.
O seu labor podía ser mellor ou peor (digamos para a crónica deportiva que estivo perfecto, e só lle puideron meter un gol de penalti), pero iso quizais é o de menos. O de máis é o feito de enfundar as luvas, de recibir o brazalete de capitán, de estar presente cando e onde o equipo o necesitaba. O de máis é resucitar eses valores deportivos que ninguén pode esquecer. O do compañeirismo. O de ser un exemplo e pensar no equipo antes ca nun mesmo.
Para el foron as mellores ovacións da mañá no Manuel Anxo Cortizo e supoñemos que el mesmo sentiu esa elevada consideración que se lle ten cando os da grada o despedimos postos en pé. O aplauso era para todo o equipo, si, pero especialmente para Currás. Porque, realmente, foi a verdadeira estrela e demostrou algo máis que o feito de saber parar un balón.
Así pois, Chapeau para CURRI!!!!!

Excelentes Xuvenís e Cadetes

Viñeron as festas e todo parecían problemas, especialmente cos porteiros. Pero as tres victorias dos tres equipos equipos da EF Lalín, dúas en Liga Galega, os 13 goles a favor e cinco en contra e, sobre todo, o magnífico xogo combinativo que amosaron xuvenís, cadetes e infantís, fai que como escola de formación vexamos o futuro máis esperanzados ca nunca.
O sábado pola tarde os xuvenís de Toño, con Diego por fin na portería, resolvían a papeleta do Dubra cun claro 3-1 e colocábanse en posición para aspirar a moito nesta Liga. O equipo segue a trasmitir as boas sensacións de toda a pretempada: hai potencial e xoga ao fútbol, como quere o adestrador, e iso agradéceno os seareiros, polo que, cando menos no noso campo, viviremos magníficos partidos. A pesar diso, non convén confiarse, porque isto acaba de empezar.

De pé: Diego, Mouriño, Manuel, Brei, Diogo, Pacheco, Marcos, Alvarellos, Currás, Javi e Toño (adestrador). Anicados: Reboredo (delegado), Novoa, Roi, Pablo, Dani e Xosé Manuel.

E o domingo pola mañá chegaba o turno dos cadetes de Willi, quen, nunha atinada decisión, convocou a todos os seus efectivos (hai que estar co equipo aínda que sexan festas, e tampouco se trataba de beneficiar a uns e prexudicar a outros). Pero quen dixo sen porteiro? Nin Cheroki, nin Alex, nin Kevin, tiña que ser Currás o que puxese as cousas no seu sitio e o equipo, fortalecido con Adrián arriba, dese un recital de fútbol combinativo nunha 1ª parte impecábel na que un recén descendido como é o Xuventú de Aguiño nin a cheirou, pois non foi capaz de crear nin unha soa ocasión de gol. O 3-0 ao descanso resume o alto nivel que hoxe amosaron os de Willi nese tempo. Xa no segundo (festas?, relaxación?, asegurar o resultado?...) o xogo baixou e, xunto cos malos modos dos visitantes, perdeuse algo do espectáculo. Así a todo, o 4-1 final fixo xustiza aos méritos feitos.

Este resultado tamén debe servir de terapia. Primeiro para demostrar que neste equipo ninguén se pode durmir: polo visto ata agora pode xogar titular calquera e o adestrador dá oportunidade a todos. Cando veña, que virá, convén collela e non soltala. Segundo para esquecer a derrota co Orillamar. Foi un toque de atención a estrepitosa derrota. Abriunos os ollos. E terceiro para que os xogadores saiban que se actúan como equipo e olvidan egos que non proceden (de nada serve remoer por detrás, hai que gañarse o posto demostrándolle o ao adestrador que estás implicado e queres) poden facer cousas moi boas nesta liga, pois a ninguén se lle escapa o potencial desta xeración. Se cadra faltaba ser conscientes de que é Liga Galega, unha competición forte, e que son vintedous (polo de agora) pelexando entre si por 11 postos iniciais, pois non temos 2º equipo. E é o que hai. E convén decatarse canto antes.

19/9/09

Liga Galega Infantil: 6 de 6 !!!!

Por experiencia sabiamos das dificultades da Liga Galega Infantil. Por iso se confeccionou un plantel con xogadores destacados da comarca e un adestrador consciente e coñecedor do traballo da Escola. Así a todo nada estaba garantizado. Nada. Pero os seis puntos de seis, e seguir no cumio da clasificación, non está ao alcance do todos os equipos.
Por iso podemos cualificar este inicio de Liga do Infantil A de ESPECTACULAR.
Hoxe, xa aos 10 minutos da segunda parte, nunha auténtica demostración de poderío, tiñan sometido ao URAL cun 6-0 que espantaba calquera dúbida, pois todo o equipo brillou en labores ofensivas, especialmente o "Matador" con outros tres goles e dúas asistencias.
Logo, os cambios, permitiron unha achega dos da Coruña e un certo sufrimento que tamén hai que pasar para espantar esa "Adriándependencia" que aínda se nota. Sobresaliente para todos, incluído un adestrador que deu cabida a todos os seus elementos, eses que fixeron disfrutar aos siareiros con goles e espectáculo.
NORABOA E A NON DURMIRSE nos LAUREIS

En pé:Rafa (adestrador), Guille, Adrián, Brais, Jorge Vilas, Marcos Moto, Rubén, Xosé Ramón, Manu e Sergi. Abaixo: Leo, Xabi Pulga, Marcos Areán, Dani Jacobo, Rodrigo, Dani Gómez e Martín.

17/9/09

A MALDICIÓN DOS PORTEIROS

Parece que os porteiros da Escola de Fútbol nas categorías CADETE e XUVENIL están a padecer unha insólita maldición. Ou será que a sorte lles dá as costas a estes especialistas no inicio das ligas. Explicámonos.
DIEGO, o único porteiro xuvenil, leva máis dun mes lesionado e na pretempada o seu lugar foi ocupado polo cadete CHEROKI, que alternaba portería co seu equipo de Liga Galega. Espléndidas actuacións tivo cos dous equipos. ALEX REBOREDO, pola súa banda, deuse á boa vida e estivo de vacacións todo o mes de Agosto, polo que nin trouxo a documentación para tramitarlle a ficha. Mentres tanto KEVIN, cadete de 1º ano, xogaba cos seus correspondentes compañeiros os amigábeis, estando a moi bo nivel.
E chegou a Liga. CHERO foi cos xuvenís de Toño o sábado a Oroso e lesionouse de gravidade. Será baixa para certo tempo. Polo tanto non puido ir cos cadetes e en Orillamar xogou KEVIN , como é lóxico. Nesta semana DIEGO empeza a adestrar (por fin) e apúrase a ALEX para que traia a documentación canto antes. Pero sorpresa: un accidente laboral na casa fai que este cadete case non poida apoiar o pé, polo que non pode adestrar nin xogar. En fin, que non ben saimos dunha para caer na outra. E non queda aí a cousa, onte enterámonos, como o porteiro non veu adestrar, de que morreu o avó de KEVIN (desde a EFL acompañamos no sentimento á familia). Será que a maldición non deixa respirar aos porteiros da EFL.
A día de hoxe os adestradores fan números: Con CHERO e ALEX lesionados, veremos que é de DIEGO e KEVIN.
A ver se coas festas a maldición marcha para outro lado.

10/9/09

A EFL, a tope!!!

Cando acabamos de empezar a 7ª tempada deste ambicioso proxecto deportivo e social chamado Escola de Fútbol Lalín, cando parecía que xa non tiñamos máis para onde ir en número de xogadores, de equipos, de adestradores... Cando se renova unha Directiva case na súa totalidade, cando se modifican os cadros de adestradores, cando se impón unha crise que afecta a todos, desde as empresas ás familias dos xogadores... Cando apenas hai espazo para adestrar nun campo de herba artificial que se quedou pequeno para Lalín desde hai anos, cando as autoridades e os medios de comunicación parecen ternos un tanto esquecidos e desde a Delegación axudan o xusto... Cando acontece isto e moito máis...
Resulta que... na EFL estamos a tope.
Estamos a tope porque seguen chegando xogadores para formar parte desta grande familia, tantos que nas categorías Infantil e Benxamín, de seguir así, imos ter que vernos obrigados a limitar as prazas e non admitir a máis. Estamos a tope porque nesta tempada teremos aínda máis equipos que na anterior (e se houbese campos fariamos moitos máis). Estamos a tope porque a nova Directiva estase a mover con intensidade e fervor entre as empresas da comarca e todo é apoio e colaboración (o que agradecemos desde aquí neste tempo de crise, pois ter unha entidade saneada economicamente importa agora e no futuro). Estamos a tope porque cada día hai máis traballo e máis ilusión nesta Escola que, desde o principio, sempre quixo ser exemplo de seriedade e dedicación para tantos deportistas como nos visitan.
Sabemos que somos a entidade deportiva que move máis cantidade de xogadores da base na comarca do Deza (xa andamos polos 190 xogadores, nada menos!!!) e a que presenta un cadro formativo de adestradores e coordinadores de elevado nivel e moita implicación. Porque o sabemos e porque son os pais e nais da EFL os que seguen a apostar por nós confiándonos o seu ben máis prezado: os propios fillos, agora mesmo podemos manifestar que estamos A PLENO RENDEMENTO (todas as categorías están xa adestrando)e desde a nova Directiva só queremos dicir unha única e simple palabra:
GRACIÑAS.

COMEZA A LIGA!!!!!!!!

Por fin, despois dunha intensa e calorosa pretempada, esta fin de semana empezan 3 Ligas de fútbol 7.
Estes son os partidos de competición:
LIGA GALEGA INFANTIL, grupo 1:
La Salle - EFLalín A: (sábado 12, ás 11.15, en Santa Isabel, Santiago)
1ª AUTONÓMICA XUVENIL, grupo 7:
Xuventude Oroso - EF Lalín: (sábado, ás 17.00, en Sigueiro)
LIGA GALEGA CADETE, Grupo 1:
Orillamar SD- EF Lalín: (domingo 13, ás 12.00, A Grela 2, A Coruña)

3/9/09

e chegou a marabunta

Por fin comenzaron os máis pequenos da Escola. Como podemos ver son moitos, 64 en concreto, e máis que virán para disfrutar do nosos deporte favorito. Quedádevos coas caras que de aquí sairán as estrelas do futuro.

Na foto podedes ver as gañas e espíritu de loita coas que veñen estes rapaces e rapazas (Andrea e Pilar).

1/9/09

caras novas na EFL

Aquí podemos ver as tres útimas incorporacións da Escola.

Xabi López

Totti

Xosé Manuel Cangado.

Xabi López, xogador de C.D. Lalín, que se encargará dun dos equipos benxamíns, Xosé Manuel Cangado que dobrará esforzos e levará un equipo alevín e o equipo prebenxamín de nova constitución e Totti que adestrará a unha das escadras alevíns son as novas fichaxes da EFL para o adestramento dos máis cativos.

Do seu curriculum citar que Xabi López e Totti teñen o título de adestrador nivel 1 e Cangado é licenciado en Educación Física e diplomado en Maxisterio, especialidade en Educación Física.

Os tres empezan con gañas e ilusión a súa nova andadura na Escola. Agora é papel de todos e todas integralos e facer a súa estadía o máis cómoda posible.

Ánimo, que todos estamos esperando aprender de vós.

27/8/09

Fotos de equipo

Estas son as primeiras fotos de equipo da PRETEMPADA 2009-10. Tiradas o mércores 26 de agosto no dobre enfrontamento coa SD Chantada:
XUVENIL 1ª autonómica: Diego, Currás, Adrián, Manuel (perdón por non poñerte onte, graciñas por avisar), Diogo, Mouriño, Alvarellos, Pacheco, Xosé Manuel, Marcos, Javi e Toño (adestrador); Brei, Pablo, Dani, Roi, Adrián, Novoa e Óscar.

CADETE Liga Galega: Willi (adestrador), Reci, Pájaro, Iván, Luís, Novegil, Miguel, Boyan e Mario; Guille (o fillo do adestrador), Rubén, Dani, Adrián, César, Marco, Juanillo, Edu, Adrián e Brais.